A carne da IXP Vaca Galega / Boi Galego chega á gran distribución

Desde os seus inicios no 2017, a IXP Vaca Galega / Boi Galego vai abrindo oco no mercado pouco a pouco. Debido ás características diferenciais do vacún maior, a súa principal canle de comercialización é a restauración e a hostalaría; pero a demanda aumenta tamén a través da gran distribución, a onde agora chega a carne certificada por esta IXP.

Coa apertura dun novo hipermercado en Vigo, Alcampo é a primeira cadea en comercializar carne de Vaca Galega, e faino ademais nos seus tres establecementos da cidade. Ofrece así aos seus clientes unha carne de vacún maior de alta calidade, garantida mediante a certificación da Indicación Xeográfica Protexida. Deste xeito, Alcampo incrementa a aposta polas carnes certificadas, posto que xa comercializa tamén a carne amparada pola IXP Ternera Gallega en toda a súa rede de establecementos de España, tanto da categoría Ternera Gallega como de Ternera Gallega Suprema.

A presenza de Vaca Galega / Boi Galego na gran distribución debe servir de estímulo para aumentar a identificación do vacún maior nas explotacións e tamén a certificación do produto amparado nas industrias cárnicas inscritas na IXP. Unha liña pola que o Consello Regulador invita a apostar a todos os axentes implicados para dar resposta á crecente demanda e así xerar riqueza no sector, fomentando o bo uso do nome de Galicia no mercado en torno ás carnes de vaca e de boi. 

Unha IXP en crecemento

Como nova Indicación Xeográfica Protexida, Vaca Galega / Boi Galego crece pouco a pouco, debido ás cualidades propias do vacún maior, que require de tempos de produción moito máis longos e depende de factores como a idade do animal ou o seu acabado final. Circunstancias que propician que o produto amparado aínda sexa escaso, pero con grandes opcións de crecemento xa que os consumidores, cada vez máis informados e interesados na calidade dos alimentos, demandan carnes con garantía certificada.  

Ata o de agora, a venda da carne da IXP centrábase en establecementos especializados en vacún maior de alta calidade, tanto en carnicerías con produto denominado premium como na canle Horeca, non só de España, senón tamén de países centroeuropeos. Coa súa presenza nas cadeas de distribución, ábrense novas oportunidades de mercado.

A IXP Vaca Galega / Boi Galego pechou o ano 2020 con máis de 1000 ganderías inscritas e 186 toneladas de carne certificada; das que 173 toneladas foron de Vaca Galega e 13 de Boi Galego.