O CIAM demostra os beneficios da liñaza no cebo de Rubia Galega en animais amparados pola IXP

A incorporación de oleaxinosas, e especialmente de liñaza, na fase de cebo dos tenreiros logra mellorar os índices nutricionais da carne ao aportar unha maior presencia de ácidos graxos, como os omega 3. É a conclusión á que chegou a tese doutoral da investigadora Laura González, dirixida pola experta en calidade de carne do CIAM, Teresa Moreno. O estudio desenvolveuse durante un ano con 125 animais de Rubia Galega e amparados pola IXP Ternera Gallega. 

A elección desta raza debeuse á súa carne magra e de engraxamento tardío, que precisa dunha fase de cebo con forraxes e concentrados para lograr unha boa infiltración graxa. Primeiro, investigaron a incorporación de aceites de oleaxinosas na ración dos animais, como a soia, o xirasol e o liño, ata estudar os mesmos efectos empregando as sementes. O resultado foi que a semente extrusionada de liñaza é a opción ideal para o cebo xa que mellora o perfil lipídico da carne, logrando unha maior proporción de ácidos graxos poliinsaturados, como o omega 3, e de ácido alfa-linolénico. 

O pastoreo, tamén clave

Ante os datos desprendidos sobre a liñaza, o estudio do CIAM centrouse na súa introdución en diferentes racións e manexos, concluíndo que un aporte do 10 % desta semente sobre materia seca é suficiente para ver cambios no perfil graxo da carne. 

Ademais, a combinación de aceite de liñaza no concentrado mantendo o pastoreo na fase de cebo resultou a opción perfecta para lograr unha graxa máis saudable na carne, sen cambios no seu sabor. As investigadoras recomendan alimentar os becerros con forraxe de alto valor nutricional, cun aporte mínimo de concentrado para o desenvolvemento adecuado dos depósitos graxos dos animais e adaptar a relación de concentrado e de forraxe.