Continúa en toda España a campaña promocional de Ternera Gallega co seu cuarto sorteo

Con presencia en máis de 1200 puntos de venda, a campaña “Achégate a todo o bo de Galicia” celebra o vindeiro luns o seu cuarto sorteo, no que se repartirán 40 novos lotes de produtos galegos con IXP e DOP. Unha promoción que comezaba a principios de marzo, tanto nas carnicerías tradicionais como nos establecementos da gran distribución, e que rematará a mediados de maio.

Neste cuarto sorteo, poden participar os consumidores con tícket de compra de Ternera Gallega correspondente á segunda quincena deste mes de abril. Para inscribirse, teñen dúas vías: acceder directamente á web www.acercateatg.com ou escanear o código QR impreso na cartelaría distribuída nos puntos de venda, que os redirixirá a dita web para cubrir un sinxelo formulario.

Os primeiros gañadores comezaron a recibir a semana pasada os seus lotes, que conteñen unha vintena de produtos galegos con denominación de calidade, ademais de 4 bandexas de carne certificada. Agora, a IXP está recibindo a documentación requirida dos posibles gañadores do terceiro sorteo e, en caso de ser necesario, contactará cos suplentes. 

A campaña respáldase con diversos materiais publicitarios nos puntos de venda, como carteis, displays, promostoppers e adhesivos; e promociónase en diferentes medios de comunicación e no ámbito dixital.