A carne certificada, no programa Estache bo! da TVG

Ternera Gallega segue apostando por unha forte presencia televisiva coa súa nova liña publicitaria e comunicativa, “Achégate a todo o bo de Galicia”. Desde principios de abril, a carne amparada pola IXP está protagonizando varios capítulos do programa de cociña Estache bo!, que emite a Televisión de Galicia cada tarde. 

Á fronte dos fogóns, Xoanqui Ameixeiras comparte receitas moi variadas con carne de Ternera Gallega, escollendo diferentes pezas e cociñados. Como prato de presentación, comezou cunha contundente costeleta marcada na grella e rematada no forno, que acompañou con allos tenros e patacas de luxe. No seguinte programa, o chef optou por unha babilla ou corte redondo como recheo dunha empanada de millo corvo. Tal e como indicaba Ameixeiras, sempre pensamos no peixe para unha empanada con este tipo de fariña, pero tamén podemos lograr un equilibrio perfecto cunha carne zumarenta como a de Ternera Gallega. 

Seguindo na súa liña de cociña sinxela con produtos galegos, o presentador preparou uns libriños de bisté de Ternera Gallega recheos de requeixo e xamón, para os que escolleu como peza un redondo. Invertendo algo máis de tempo, Xoanqui Ameixeiras pasou da tixola ao forno para cociñar unha agulla napada con crioulos e verduras asadas. Tamén nos presentou unha croca á que lle deu un toque agridoce e, coa punta da mesma peza ou rabillo, elaborou un pastel de grelos con gratinado de pataca. Tampouco se esqueceu o chef dun corte meloso como o xarrete, que glasou ao forno con viño do Rosal.

Toda esta variedade de pezas e usos culinarios non para aquí, aínda quedan máis receitas por diante. Ameixeiras ofreceranos proximamente as súas propostas con pezas como o vacío ou o solombo.