Máis de 380 gandeiros recibiron axudas pola súa incorporación a Ternera Gallega ou a Vaca Galega / Boi Galego

Dos 577 produtores que se beneficiaron o ano pasado das axudas pola súa incorporación a unha IXP ou a unha DOP, a maioría pertence a Ternera Gallega, concretamente 333. No caso da IXP Vaca Galega / Boi Galego, percibiron estas achegas 53 novos gandeiros inscritos. 

Con estas axudas, tanto gandeiros como agricultores incorporados a un selo de calidade poden cubrir o 100 % dos gastos subvencionables, que inclúen os custos derivados da súa inscrición e a cota anual de participación; sempre ata un límite de 3.000 euros anuais por explotación durante un máximo 5 anos.

Tamén recibiron as achegas 144 produtores do CRAEGA, 46 da IXP Mel de Galicia e 1 da DO Valdeorras. Cofinanciadas cos fondos FEADER, o importe total das axudas superou os 124.000 euros.