En decembro comeza a época axeitada para as cubricións

Para unha correcta planificación da produción, de xeito que se equilibre a oferta e a demanda da carne certificada durante todo o ano, Ternera Gallega recomenda establecer un calendario de cubricións para derivar parte dos nacementos da primavera cara o outono. En decembro comezaría a época máis axeitada para a cubrición das vacas, un mes antes no caso das xovencas, e remataría en febreiro

O Consello Regulador detecta, desde hai anos, que entre febreiro e xuño, xusto no momento de menor demanda de carne de vacún entre os consumidores, hai demasiados animais para sacrificio, co que se satura o mercado e baixan os prezos. Pola contra, no verán e no outono, cando sobe a demanda, temos menos tenreiros dispoñibles. Pero cun calendario axeitado, aumentando os partos de outono e diminuíndo os de primavera, lograremos un abastecemento regular dos mercados, que garantirá a saída equilibrada dos tenreiros e mellores prezos para as explotacións inscritas na IXP. 

Ademais de conseguilo mediante o manexo das vacas, tamén pode facerse vía xovencas. Ternera Gallega recomenda empreñalas entre os 16 e os 18 meses de idade, para que teñan un desenvolvemento corporal óptimo cando chegue o parto. Tamén aconsella que as xovencas dunha mesma explotación se agrupen en lotes homoxéneos segundo a idade. 

Por outra banda, pasando os partos cara o outono, as explotacións aproveitarán ao máximo o ciclo vexetativo dos seus recursos forraxeiros e responderán mellor as necesidades de alimentación dos seus animais. 

En definitiva, a IXP invita aos seus inscritos a non deixar ao azar os criterios reprodutivos do rabaño, seguindo os consellos de planificación que recolle neste artigo técnico.