O Consello Regulador participa no foro da Cadena Ser sobre os retos do rural

Esta mañá chegou a Galicia a iniciativa da Cadena SER “Por la España Vaciada”, un foro de debate sobre a despoboamento no campo e as súas necesidades e oportunidades de cara o futuro. O presidente do Consello Regulador, Jesús González, formou parte da mesa redonda “Os déficits do rural. E aínda así vivimos no campo”, onde destacou a importancia da produción cárnica na xeración de riqueza e na conservación da natureza.

Neste foro, González resaltou o papel de Ternera Gallega nos seus 30 anos de existencia, como unha oportunidade para os gandeiros, aos que contar co selo de calidade lles aporta garantías. A IXP, subliñou o seu presidente, é un elemento clave na economía dos concellos onde se atopan as explotacións inscritas, especialmente nos situados en zonas de media e alta montaña. Como recordou, “unha terceira parte dos concellos de Galicia teñen a súa actividade máis importante na produción de carne, coa que ademais manteñen coidado o terreo e evitan o seu abandono”. 

En canto ás necesidades do campo, o presidente do Consello Regulador considerou que existen “moitos medios rurais”, lembrando que as prestacións se atopan nas cabeceiras dos municipios, mentres as parroquias ou os lugares non contan cos mesmos recursos. Subliñou como condición imprescindible que as zonas rurais teñan acceso a unha axeitada conexión a Internet e apostou pola discriminación positiva cara o habitante do campo, con axudas condicionadas a vivir realmente nestas zonas. Tamén demandou un plan de aproveitamento do rural e do uso do terreo.