Ternera Gallega analiza o sector do vacún nas “Mesas de Origen” da Voz de Galicia

Na mesa de debate organizada pola Voz de Galicia analizouse a situación do sector galego da carne fronte o impacto da COVID-19. O presidente de Ternera Gallega, Jesús González, xunto con Higinio Mougán, director xerente de AGACA, Jorge Eiroa, xefe de compras de Vegalsa-Eroski, e Julio Cortiñas, xerente de Prodeme, participaron nesta primeira edición.

Na súa intervención, Jesús González, indicou que a innovación pasa por ofrecer produtos máis elaborados; que, xunto coa a internacionalización buscando novos mercados para a carne, son puntos imprescindibles para o crecemento da IXP. Así mesmo, salientou a necesidade de concienciar sobre a planificación dos partos entre os gandeiros inscritos, de xeito que permita atender as necesidades do mercado, desestacionalizando as vendas para así acadar prezos máis estables.

O cambio nos hábitos do consumidor, que tomou conciencia do apoio que podía prestar ao produto local ou de proximidade, e un rápido desenvolvemento da compra online  foron os principais puntos fortes da cadea de distribución para afrontar a crise, sinalou Jorge Eiroa. Tamén destacou iniciativas como a posta en marcha pola consellería do Medio Rural do programa Mercaproximidade, que axudou a canalizar produtos dos canais HORECA cara os supermercados.

Dende AGACA e Prodeme, destacaron a necesidade de que toda a cadea de valor traballe de forma conxunta para acadar prezos xustos para os gandeiros e, ao mesmo tempo, transmitir ao consumidor as vantaxes de consumir carne de Ternera Gallega.

Se queres ver o programa completo, podes acceder no seguinte enlace:  https://www.lavozdegalicia.es/noticia/economia/2020/09/19/ternera-gallega-ante-crisis-covid-19-propuestas-ayudar-vacuno-carne/0003_202009G19P28991.htm