O Consello Regulador lanzou un novo exemplar da súa revista

As IXP Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego contan cunha nova edición da súa revista corporativa. Neste número, a reportaxe principal céntrase no Informe de Actividade do 2019 de ambas Denominacións; destacando que Ternera Gallega creceu no campo e mantivo as súas cifras no mercado e que Vaca Galega / Boi Galego chegou a 796 explotacións inscritas e case 5.000 animais rexistrados no seu segundo ano de actividade. 

O número inclúe as últimas modificacións no prego de condicións de Ternera Gallega. Explica os cambios relativos á idade de sacrificio dos animais das diferentes categorías, cos que a IXP se adapta á normativa europea e española sobre a etiquetaxe da carne de vacún. E tamén recolle a reforma temporal que permitiu a conxelación de carne durante o estado de alarma ocasionado pola Covid-19 e que establece que as pezas conxeladas só se poderán comercializar ata finais de ano.

Precisamente, debido á crise do coronavirus, o presidente do Consello Regulador escribe un editorial nesta revista, dirixíndose a tódolos axentes que conforman as IXP Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego. Jesús González confía en que as modificacións do prego de condicións axudaran ao sector nestes momentos excepcionais xa que, como sinala, este cambios procuran garantir o ritmo de saída dos animais e evitar fortes caídas nos prezos. O presidente chama a un compromiso por parte de todos para manter o prestixio e a calidade da carne certificada e incentivar, así, que os consumidores aposten polos alimentos que permiten manter vivo o noso medio rural. 

Por parte do Consello Regulador, Jesús González avanza que está a traballar nun Manual de especificacións para certificar o benestar animal nas ganderías inscritas nas IXP, sobre o que se adiantan os principais aspectos a valorar. 

Na información técnica, este exemplar aborda outros dous temas de interese para as explotacións inscritas: a ‘Bioseguridade nas gandarías de vacún e o uso responsable de antibióticos’ e ‘Os contratos alimentarios: dereitos e obrigas’. A revista remata cun repaso ás diferentes actividades de promoción e comunicación que realiza o Consello Regulador para informar sobre as cualidades diferenciais das carnes de Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego e para promover o seu consumo.