Mercaproximidade, nova vía de comercialización dos produtos agrogandeiros galegos

A Xunta pon en marcha unha canle para comercializar os produtos agrogandeiros que, debido á situación de emerxencia sanitaria, viron reducidas as súas vendas polo peche da hostalaría e dos mercados locais. Unha iniciativa que xurde tralas reunións mantidas entre o conselleiro do Medio Rural e os diferentes representantes das organizacións agrarias e das cadeas de distribución que traballan en Galicia.

Poden acollerse a “Mercaproximidade” os gandeiros de vacún, porcino, ovino e caprino, ademais dos produtores de mel, froitas e hortalizas ou de produtos apícolas. Alimentos aos que os consumidores poderán acceder nos establecementos que continúan abertos e que identificarán perfectamente a súa orixe. 

Aqueles produtores que queiran unirse a esta iniciativa deberán estar inscritos no Reaga e, no caso dos produtos non transformados, estar integrados na sección de venda directa (Sevedi). Tamén se poden unir as empresas de transformación inscritas no Rexistro de industrias agrarias. A incorporación a “Mercaproximidade” farase, preferentemente, a través das organizacións profesionais agrarias, das asociacións de produtores e dos consellos reguladores das IXP e DOP. 

A Consellería promoverá esta rede comercial entre as grandes cadeas de alimentación que operan en Galicia e buscará a colaboración das plataformas online de venda destes produtos. Tamén vai lanzar unha campaña de sensibilización dirixida aos consumidores para instalos a comprar estes alimentos de proximidade, apelando á súa calidade e ao apoio que supón para o campo galego.

Condicións

Os produtores e as industrias que desexen unirse deberán mandar un email a mercaproximidade@xunta.gal indicando os seus datos e tipo de produción e aportando unha declaración responsable na que conste que un mínimo do 50 % dos seus ingresos procede da hostalaría e dos mercados municipais. Se a adhesión se fai a través dunha organización agraria, asociación de produtores ou consello regulador, deberase aportar a relación de produtores representados.