Os alimentos de calidade abren o I Congreso de Xuventude Investigadora organizado por BioRedes

O Campus Terra de Lugo celebra, hoxe e mañá, o I Congreso de Xuventude Investigadora en Produción Primaria Sostible e Calidade e Seguridade Alimentaria, que daba inicio onte cunha exaltación gastronómica dos produtos galegos con selo IXP ou DOP e das marcas de alimentación máis destacadas da comunidade autónoma. Ternera Gallega participou nesta cita da man de Héctor López, do Restaurante España (Lugo), que amosou a calidade da carne amparada e a súa versatilidade culinaria.

O chef empregou diversas pezas para presentar elaboracións variadas: desde un steak tartar ou un tataky ata unha tosta de croca. Propostas gastronómicas que acompañou con outros alimentos de calidade, como o queixo da DOP San Simón da Costa ou un xeado de Pementos de Herbón. Xunto coas denominacións de orixe, neste inicio do Congreso, tamén foron protagonistas os alimentos de produción ecolóxica ou o porco celta, entre outros.

Punto de encontro 

Este I Congreso de Xuventude Investigadora, organizado por BioRedes e Inmunogenom, reúne a estudantes de grado, mestrado e doutoramento, ademais de investigadores, de diversos ámbitos do sector primario sostible: a produción e saúde animal, a produción vexetal e agricultura, a alimentación segura e saudable, a produción forestal e a acuicultura.

A USC busca que os novos investigadores intercambien coñecementos, na procura de colaboracións futuras, ao tempo que se lle da visibilidade ás principais investigacións que se desenvolven en Galicia, abríndose ás achegas do resto de España e Portugal.