A feira Gastronosa, con sabor a Ternera Gallega

Oito horas ininterrompidas de espectáculo culinario. Así se define a feira Gastronosa, que acolle hoxe a Cidade da Cultura desde as 11 ás 19 horas. Un encontro organizado por Amigos da Cociña Galega para conmemorar o seu 43 aniversario pero, sobre todo, para apoiar e promocionar a gastronomía autonómica. Por iso Ternera Gallega forma parte das degustacións que ofrece este evento, aberto ao público e no que participan ata 30 produtos galegos.

A carne certificada ponse en mans do chef Antonio Lorenzo, do restaurante A Faragulla (Chantada, Lugo), que xa levara as rendas da grella da IXP en Cociña+Conciencia, a gran cita culinaria deste verán celebrada tamén no Gaiás. Nesta ocasión, Lorenzo ofrece un guiso de xarrete e tapa da pa de Ternera Gallega con castañas. Aínda que a tapa da pa, máis coñecida como llana, se considera erroneamente unha peza de segunda categoría, é perfecta para guisar ou asar e, ben tratada ao corte, tamén dá unha carne moi tenra para a prancha. O xarrete, pola súa parte, caracterízase por ser especialmente meloso e rico en coláxeno.

Unha cita de futuro

Gastronosa reúne a hostaleiros e produtores co público xeral a través de diferentes degustacións, showcookings, stands de produtos e música. Un evento que nace con vocación de continuidade e de celebrar máis edicións. Segundo o presidente de Amicogal, Javier Outomuro, esta feira serve para poñer en valor a nosa cociña e a nosa boa materia prima, pero tamén para trazar plans de futuro e novas oportunidades de negocio.