O Consello Regulador homenaxea ás súas gandeiras no Día da Muller Rural

Dende as redes sociais de Ternera Gallega, o Consello Regulador celebra o Día Internacional da Muller Rural a través da historia dunha das súas gandeiras, que serve como homenaxe ás máis de 3.600 mulleres titulares de explotacións inscritas na IXP. Neste 15 de outubro, coñecemos a María Teresa López, que desde Foxado, en Curtis (A Coruña), ocúpase de 40 vacas e 20 becerros.

Aínda que é de Barcelona, María Teresa xa leva 19 anos vivindo en Galicia. De nova, pasaba as vacacións aquí cos seus pais e aquí casou. Desde 2014, colleu as rendas dunha explotación da que antes se encargaban os seus sogros. Un traballo que lle permite a conciliación familiar e que resume nunha palabra: liberdade.

Xornada de recoñecementos

O Día da Muller Rural comezou a celebrarse en 2008. Estableceuno Nacións Unidas co obxectivo de recoñecer o papel clave das mulleres no desenvolvemento, na seguridade alimentaria e na erradicación da pobreza. Hoxe, mantense a reivindicación dese papel e ponse o foco en que as mulleres sexan parte activa na construción dun futuro sostible para o campo.

Dentro dos actos conmemorativos deste Día, a Federación de Asociaciones de Mujeres Rurales (Fademur) reunirá en Madrid a medio millar de mulleres rurais procedentes de toda España. Unha xornada na que debaterán sobre o emprendemento, a necesidade de que as mulleres se incorporen á toma de decisións no sector e de que o rural conte cos servizos necesarios para evitar o seu despoboamento.