Ternera Gallega acompaña aos bloggers gastronómicos na súa xuntanza anual

A Coruña é a cidade escollida este ano para acoller a tradicional Xuntanza de Bloggers Gastronómicos de Galicia, que celebra a súa novena edición os vindeiros 21 e 22 de setembro, co obxectivo de promocionar o turismo e a gastronomía da nosa terra. Unhas 50 persoas participarán neste evento, no que Ternera Gallega colabora na elaboración do menú da primeira xornada, que consistirá nun man a man entre recoñecidos chefs autonómicos.

A carne certificada pola IXP poderá degustarse en diferentes preparacións: desde un Tartar acompañado de conservas en vinagre e un Tataki de croca ata un guiso de Tapa da pa (llana), patacas risoladas, papillot de tomate e fiollo. Pratos que completan unha ampla proposta culinaria na que tamén estarán presentes outros alimentos con selo de calidade, como os queixos San Simón e Arzúa Ulloa ou Mexillón de Galicia; ademais doutros produtos característicos da gastronomía galega.

Cinco destacados cociñeiros asinan este menú tan diverso. Ademais de Tito Fernández, xefe de cociña do NH Finisterre, onde se celebra o evento; participan tamén Gerson Iglesias (Adega das Caldas) e Pedro Pérez (Bacelo Taberna Vinaria) en representación de Cociña Ourense, Juan Mato, do Restaurante Artabria, e Ariel Mendizábal, mestre chocolateiro de Vilaboa (Culleredo).

Cociña e turismo

Esta Xuntanza conxuga o mellor da gastronomía autonómica cos enclaves máis emblemáticos da nosa xeografía. Tras pasar nas edicións anteriores por Vigo, Lugo, O Barco de Valdeorras ou Sanxenxo, nesta ocasión os bloggers realizarán varias visitas institucionais e turísticas na Coruña. O sábado van recorrer a cidade vella, visitarán a praza de María Pita e a Torres de Hércules e farán un tour panorámico. Na xornada seguinte, achegaranse ao concello de Laracha para coñecer o seu Museo do Mar e visitar Caión.

O broche final da Xuntanza será culinario, cun cóctel servido polo cátering Boketé, da man de Javier Rodríguez Ponte, “Taky”, chef tamén de Ternera Gallega.