Nova edición da revista do Consello Regulador

As IXP Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego publican un novo exemplar da súa tradicional revista, que xa suma 46 números. O eixo central desta edición dedícase aos datos de actividade de 2018 respecto a cada unha das Indicacións Xeográficas Protexidas; salientando que Ternera Gallega mantivo as cifras no campo, con case 8.200 gandarías inscritas, e creceu no mercado, cun aumento do 3,4% no número de toneladas de carne comercializadas. No caso de Vaca Galega / Boi Galego, a revista subliña que, o ano pasado, incorporou 683 novas explotacións e máis de 8.500 animais.

A entrevista deste exemplar está protagonizada polo creador e primeiro presidente da IXP Ternera Gallega. Maximino Viaño lembra os inicios da Denominación e os fitos e anécdotas dos seus 30 anos de historia. Tamén subliña a importancia da creación de Vaca Galega / Boi Galego e analiza o futuro do sector.

As actividades de promoción

A nova revista aporta ampla información sobre un dos obxectivos primordiais do Consello Regulador: a promoción das IXP e das carnes amparadas. Recorda a repercusión da presenza de Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego no Salón Gourmets, un dos eventos gastronómicos de maior relevancia do panorama nacional. E repasa o gran despregue publicitario realizado en La Vaguada, o centro comercial máis visitado de Madrid, onde Ternera Gallega organizou un acto deportivo e culinario xunto co seu embaixador, o triatleta Javier Gómez Noya.

A campaña de internacionalización desenvolta polo Consello Regulador tamén ocupa un lugar destacado, recorrendo as diferentes cidades de Alemaña onde se promocionaron os selos de calidade e os froitos logrados con este traballo.

Información sectorial

As páxinas máis técnicas da publicación abordan contido de interese sobre o agro e o sector cárnico. A reportaxe sobre Origin Green debulla este programa de sustentabilidade impulsado por Irlanda para a súa industria de alimentos e bebidas. Tamén se inclúe un artigo sobre “As medias verdades do impacto ambiental da gandería”.

A revista do Consello Regulador comezou a editarse no ano 2003 e envíase a tódolos inscritos nas dúas IXP, ademais de aos profesionais do sector. Tamén se publica na páxina web corporativa xunto coas pasadas edicións.