Os chefs de Ternera Gallega cociñan na Feira de Silleda

Co inicio do mes de xuño, regresou o Salón de Alimentación do Atlántico, que, un ano máis, acompañou á Semana Verde de Silleda durante a pasada fin de semana. En cada edición, Salimat reafírmase como un evento sinalado para o sector gastronómico, onde se congregan recoñecidos chefs galegos e se xeran novas oportunidades de negocio, ao redor dun amplo programa de actividades e exhibicións de cociña en directo. Nestas demostracións culinarias, participaron os expertos da IXP Ternera Gallega: Javier Rodríguez Ponte, “Taky”, do Cátering Boketé de A Coruña, e José Manuel Mallón, do espazo gastronómico Remollo.

Na sala Showcooking Bar, déronse cita ata 8 cociñeiros de diferentes asociacións; 3 deles pertencentes ao prestixioso grupo Nove. “Taky”, como membro tamén deste colectivo, colleu os mandos dos fogóns na xornada do sábado e ofreceu un menú no que preparou un dos seus pratos máis destacados: a costela de Ternera Gallega glasada, con mazá, Castaña de Galicia e Queixo do Cebreiro. 

Pola súa banda, o domingo, José Manuel Mallón mantivo un encontro directo cos consumidores e impartiu unha masterclass dirixida á Asociación de Amas de Casa Agarimo de Vigo. Elaborou 3 receitas diferentes con cociñados moi variados, desde a sinxela grella ata un guiso máis traballado. De primeiro, marchou un tataky de Ternera Gallega con chimichurri das súas herbas, seguido do tradicional xarrete ao Mencía e, por último, tapa da pa (llana) á prancha. Pratos nos que a carne certificada estivo acompañada por outros produtos galegos con selo IXP ou DOP.

 

Un Salón consolidado

Ademais destas actividades gastronómicas, o Salimat presentou unha gran zona de exposición de produtos e marcas e pechou 1.500 reunións de negocio con compradores de ata 17 países, achegándose así tanto aos consumidores como ao sector da distribución. Esta estratexia permitiu ao Salón afianzarse ano tras ano e, tamén, aumentar o número de asistentes ao celebrarse xunto coa Semana Verde, que nesta edición recibiu a 130.000 visitantes.