As carnes de vacún de calidade chegan ás Catas Comentadas de Boiro

A IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega / Boi Galego participan este xoves no ciclo de Catas Comentadas organizado polo concello boirense para fomentar os produtos galegos de calidade entre a hostalería local, pero tamén entre o público xeral. O Consello Regulador ofrecerá unha masterclass sobre as carnes de vacún certificadas, as cualidades que as definen e as propiedades gastronómicas que as diferencian. Será a partir das 17:30 horas, no Centro Social.

O programa de actividades abarca os meses de abril e maio. Comezaba o xoves pasado cunha cata protagonizada polos queixos galegos con Denominación de Orixe Protexida. Continuará a próxima semana con conservas de Jealsa Rianxeira e a seguinte, con produtos de PescadeRías. Tamén colaboran as IXP Pan de Cea e Pataca de Galicia.

O aforo está limitado a 20 persoas e as inscricións deben facerse no Centro Social de Boiro, no teléfono 981842635 ou no correo electrónico omix@boiro.org.