O Consello Regulador imparte formación en Vigo Capacita

Ternera Gallega continúa co seu plan formativo e, como xa fixo o ano pasado, este mércores colaborou de novo co obradoiro de emprego Vigo Capacita, que outorga aos seus alumnos certificados de profesionalidade na rama da hostalería. A Indicación Xeográfica Protexida ofreceu un seminario teórico-práctico no que participaron 20 persoas dos cursos de Operacións básicas de Restaurante e bar e Operacións básicas de Cociña.

O director de promoción da IXP, Luis Vázquez, impartiu primeiro unha clase sobre as características propias de Ternera Gallega: o tipo de animais e razas admitidas, a súa alimentación e o sistema de control e trazabilidade que realiza o Consello Regulador. A continuación, os alumnos traballaron directamente coa carne amparada para, por unha banda, coñecer a importancia do seu etiquetado e, por outra, familiarizarse coas diferentes pezas e os seus usos culinarios. Tamén aprenderon as mellores técnicas de corte e consellos de cociñado.

O obradoiro Vigo Capacita, promovido polo Concello da cidade olívica, dura 9 meses e ten por obxectivo que os participantes amplíen as súas opcións de acceso a un emprego.