Ternera Gallega mantén as súas cifras no campo e crece no mercado

A IXP Ternera Gallega pecha o exercicio 2018 cun crecemento dun 3,4% en certificación e comercialización de carne (96.472 canais e 21.369 toneladas), cun valor económico en primeira venda de 122 millóns de euros. Así mesmo, mantivo as súas cifras de actividade no campo, con 8.199 explotacións e 132.868 tenreiros rexistrados. Por outra banda, a IXP Vaca Galega/Boi Galego rematou o ano pasado con 683 explotacións inscritas con actividade e 8.593 vacas e bois rexistrados. Na actualidade conforman a IXP 21 industrias e comerciais cárnicas inscritas, onde se certificaron 334 canais que sumaron 138 toneladas de carne. Estes son os principais datos presentados hoxe en rolda de prensa polo presidente do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia, Jesús González, quen estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, e dos demais membros do pleno.


As principais cifras de Ternera Gallega no 2018
No tocante ao número de animais rexistrados, a Denominación pechou o exercicio con 132.868 cabezas, e cun total de 8.199 explotacións gandeiras inscritas. Estes datos son similares aos do 2017, cunha merma dun 0,7%, pero en calquera caso confirmando a forte suba que se producira nos anos anteriores.

En canto á certificación e comercialización de carne, a IXP Ternera Gallega experimentou un significativo crecemento, xa que aumentou un 2,3% o número de canais (96.472) e un 3,4% o volume de carne comercializada baixo o amparo da Denominación (21.369 toneladas). Isto significa que se comercializaron 712 toneladas de carne máis durante o 2018, a pesar das novas tendencias e da evolución do consumo. Este crecemento tamén é indicativo da aposta dos consumidores pola carne con calidade certificada.

O valor económico en primeira venda da carne comercializada foi de 122 millóns de euros, cun aumento do 3,4% que vai acorde co crecemento en volume de produto, xa que os prezos dos xatos e da carne seguiron unha tendencia e valores parecidos aos do ano anterior.
A nivel da industria, están inscritas actualmente na IXP 100 entidades, manténdose constante o número de matadoiros e salas de despece e aumentando lixeiramente o número de comerciais cárnicas.

En canto aos establecementos que teñen a imaxe corporativa da IXP Ternera Gallega, a cifra situouse en 1.338, predominando a comercialización da carne con Denominación nas cadeas de supermercados, hipermercados e carnicerías tradicionais. A nivel territorial a provincia con maior peso tanto a nivel produtivo como industrial é Lugo, mentres que no referente a razas a máis importante é a Rubia Galega. A nivel comercial as categorías principais son Ternera Gallega Suprema e Ternera Gallega, practicamente nunha situación de equilibrio nas súas cifras.

No capítulo da promoción destacou no ano 2018 a posta en marcha da campaña promocional con Javier Gómez Noya, divulgando a importancia nutricional da carne de calidade. Tamén comezou a campaña “Carnes con Estilo”, en colaboración con Ternasco de Aragón; un programa de promoción conxunta, cunha duración de tres anos, co que se busca resaltar a importancia dos selos de calidade garantida fixados pola Unión Europea. Sen esquecer a aposta da Denominación pola promoción en medios dixitais, tanto publicidade directa online como posicionamento nas redes sociais, así como o Plan de Internacionalización e a participación en actividades divulgativas e formativas cara á distribución e aos profesionais da carne.


A IXP Vaca Galega/Boi Galego
Durante o pasado ano continuou o proceso de recoñecemento e rexistro da IXP Vaca Galega/Boi Galego na Unión Europea, e paralelamente continuou a súa posta en marcha co rexistro de novas explotacións e animais e, sobre todo, coa certificación das primeiras canais, que tivo lugar no mes de febreiro.

No tocante á promoción, cómpre salientar a súa presentación pública nun acto que tivo lugar en marzo de 2018 en Santiago de Compostela, con máis de 80 persoas do sector entre autoridades, membros do pleno, profesionais da produción, da industria cárnica e da distribución, gastrobloggers e medios de comunicación; así como nas principais citas agroalimentarias, como a Feira Alimentaria, Gourmets ou a Feira Abanca Semana Verde de Galicia.


Programa de control
Durante o pasado exercicio o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia continuou facendo un esforzo significativo en canto a control. No caso da IXP Ternera Gallega, fixéronse 22.503 inspeccións, tomáronse 2.538 mostras e realizáronse 3.124 análises e 2.174 probas de ADN. Por outra banda, na recente creada IXP Vaca Galega/Boi Galego fixéronse 718 inspeccións e 18 probas de ADN.

O Programa de Control que se desenvolve é fundamental para garantir a orixe, a trazabilidade e a calidade da carne amparada, para poderlle ofrecer aos consumidores as máximas garantías e contar coa súa confianza.