Galicia contará cun grupo de traballo propio para acordar cos sectores implicados a posición da nosa comunidade ante o Plan estratéxico de España para a PAC 2020 

(mediorural.xunta.gal 21/01/19) O conselleiro do Medio Rural, José González, sinalou hoxe que a postura que Galicia presentará ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre a Política Agraria Común 2020 será acordada previamente cos sectores implicados na mesa de traballo multidisciplinar creada para concretar as achegas de Galicia ao plan estratéxico español. Deste xeito, explicou o conselleiro, preténdese conseguir unha proposta na que todos os implicados se sintan representados e na que se especifiquen as peculiaridades do noso territorio.
Precisamente este plan estratéxico nacional comezou a elaborarse hoxe no consello consultivo de política agrícola celebrado en Madrid. O propio conselleiro José González tildou a sesión de “moi produtiva” xa que se celebrou un debate “moi rico” no que se trataron aspectos moi relevantes da futura PAC e para os intereses propios de Galicia.
Así, abordouse, por exemplo, a definición do agricultor xenuíno, os dereitos de pago individuais e as limitacións de axudas por explotación, que Galicia quere situar en 60.000 euros. Ademais, estudiouse tamén a posibilidade de implantar o pago redistributivo de forma que o importe das primeiras hectáreas sexa superior ao do resto, para garantir ese apoio ás pequenas e medianas explotacións, propias de Galicia, e que precisamente son as máis respectuosas co medio ambiente e xeradoras de máis emprego. Do mesmo xeito, apelouse á defensa daquelas explotacións situadas en zonas con limitacións naturais e de montaña
O conselleiro sinalou á saída do encontro que, en definitiva, o que defendemos é o decálogo previo pactado co sector en defensa dos agricultores e gandeiros. Precisamente por iso, a consellería creará este grupo de traballo galego que, en paralelo ao do ministerio, reunirá esforzos de todos os entes implicados para así defender mellor os intereses dos agricultores e gandeiros galegos. “Nel invitamos a todos os sectores implicados a chegar a acordos para que a nosa posición vaia consensuada”, sinalou José González.
Por todo iso, o Goberno galego defende que o plan estratéxico nacional debe contemplar as particularidades de cada comunidade. O conselleiro sinalou que se trata de buscar un equilibrio entre unha PAC común a nivel da Unión Europea e o recoñecemento das especificidades de cada lugar.
Ao fío disto, o titular de Medio Rural explicou que precisamente é agora cando o debate no seo do Estado se eleva ao seu máximo nivel e cando os gobernos autonómicos poden manter un intercambio político co ministerio, de tal xeito que o Goberno central poida recoller as demandas e orientar a súa planificación estratéxica. Así, o conselleiro sinalou que o propio ministerio entende que a PAC 2020 debe ser o resultado dunha análise previa das necesidades da agricultura, da gandaría, da silvicultura e do medio rural en xeral e que o seu resultado definirá todos os elementos necesarios para a aplicación da Política Agraria Común.
Neste senso, José González trasladou que a Xunta coincide co ministerio en que a planificación estratéxica debe ser un proceso aberto, participativo e transparente no que as comunidades autónomas teñan un papel esencial, especialmente á hora de definir en cada territorio as intervencións do segundo piar, o relativo ao desenvolvemento rural. Por iso, a elaboración deste programa de actuación implicará a cooperación e coordinación entre as administracións, dixo o conselleiro.