Aumentan nun 25% as axudas deste ano para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas e tecnoloxías nos sectores alimentario, agrícola e forestal 

(mediorural.xunta.gal 06/02/2019) A Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, convoca hoxe as axudas para proxectos piloto de desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal. Estas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), contan cun orzamento de case 1,5 millóns de euros en tres anualidades, o que supón un incremento do 25% respecto ao ano anterior e ata dun 51% en comparación coa convocatoria de 2017.
Esta orde ten por obxecto fomentar o desenvolvemento do ámbito agroalimentario, agrícola e forestal entendido tanto como a incorporación de novidades como a ampliación de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías xa existentes onde tradicionalmente non se utilizaban.
Os beneficiarios poden ser organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura ou silvicultura e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal. Na realización das actividades subvencionadas poderán participar ademais, como axentes cooperantes, produtores e outras entidades relacionadas co sector agroforestal, centros de investigación e experimentación de carácter público e entidades sen ánimo de lucro que promovan a investigación, a innovación e o desenvolvemento do medio rural. Ademais, tamén se financiarán aquelas accións levadas a cabo por entidades que desenvolvan actividades de promoción, asesoramento, dinamización ou financiamento de proxectos nos ámbitos agrario ou forestal, entre outras.
En canto ás accións subvencionables, as áreas prioritarias de actuación son a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a industria e cadea agroalimentaria, a bioeconomía e a aplicación das tecnoloxías da información e comunicación. Como máximo, estas iniciativas de cooperación poden durar tres anualidades e un mínimo de dúas. Os interesados poden solicitar dende mañá e durante un prazo dun mes estas achegas, sempre a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras.