A IXP Vaca Galega / Boi Galego estréase no Xantar con Ternera Gallega

A nova IXP dedicada ao vacún maior galego participou, por primeira vez, no Salón Gastronómico Xantar, que se celebrou en Ourense entre o 6 e o 10 de febreiro. Vaca Galega / Boi Galego acompañou a Ternera Gallega, que un ano máis regresou a esta cita co turismo e a gastronomía. Ambas IXP ofreceron unha Masterclass de Cortes Singulares o domingo, co chef Javier Rodríguez Ponte, “Taky”, como director de cociña, e coa asistencia dunhas 30 persoas.

As diferentes pezas de carne e os seus usos culinarios conformaron o eixo central deste taller, xa que o Consello Regulador quere dar a coñecer os cortes menos habituais, demostrando todo o seu potencial gastronómico. Vaca Galega debutou neste Xantar cunha peza de picanha, que se preparou á grella; mentres que Ternera Gallega amosou a versatilidade de cortes como o vacío e a espaldiña (llana) á prancha, ou a febra miúda (culata de contra) ao caldeiro. O chef das IXP ensinou outras receitas, como unha espaldiña guisada ou unha infusión de caldo de Ternera Gallega, que, cociñado unicamente cos recortes da carne, acada un sorprendente sabor. Todas estas propostas presentáronse acompañadas doutros produtos galegos con Indicación Xeográfica Protexida ou Denominación de Orixe.

Ademais da clase práctica, persoal do Consello Regulador explicou os atributos das dúas IXP de Carne de Vacún de Galicia e o sistema de control que se realiza para garantir a trazabilidade da carne, desde as gandarías ata o punto de venda, pasando polas industrias. Esta masterclass, que se celebrou na Aula de Medio Rural, dirixíuse, principalmente, ao sector profesional, como persoal de escolas de hostalaría, da canle Horeca e do ámbito da alimentación, pero tamén ao público xeral.

Antes deste taller, Ternera Gallega tamén se degustou o venres 8, co chef Juan Carlos Delgado Vargas, que fusionou a gastronomía de Costa Rica coa carne amparada pola Indicación Xeográfica. Un showcooking que tivo lugar na Aula Mar by Personal Kitchen.

Xantar celebrou, este ano, a súa vixésima edición, confirmándose como un evento destacado dentro do calendario de feiras do sector. Este Salón promove o turismo interno e de proximidade a través da gastronomía e dos produtos galegos de calidade, xerando novas oportunidades de negocio para os axentes implicados.