Perspectivas de produción e prezos nos mercados de carne 

(campogalego.com 07/11/2018) O vacún arrastra un aumento dos sacrificios por mor da seca e a falta de forraxes en boa parte de Europa, o que presionou os prezos á baixa. En porcino espérase unha baixada no 2019, en tanto a avicultura mantén cotizacións por riba da media dos últimos dous anos.

Os mercados europeos de carne están a acadar en xeral no 2018 bos datos de produción e consumo. Hai crecementos tanto en vacún coma en porcino, avicultura e en ovino e cabrún. Para o 2019 espérase que se manteña o crecemento en avicultura e en ovino, se ben en carne de vacún e de porcino haberá previsiblemente menores producións e consumos, ási coma presións á baixa nos prezos, segundo o último informe de perspectivas dos mercados agrícolas da Comisión Europea.

Resumimos a continuación a análise de cada sector que debuxa o informe da Comisión Europea.

Vacún, a seca obriga a maiores sacrificios

A produción de carne de vacún en Europa medrou un 1,6% no primeiro semestre do 2018 a causa dun volume de sacrificios maior ó habitual. A seca e a falta de forraxes en boa parte da Europa central levaron a un maior descarte de animais reprodutores, tanto en ganderías de carne coma de leite, principalmente en países coma Francia, Alemania ou Holanda.

Esa situación prolongouse durante o verán, xerando baixadas de prezos, se ben as chuvias outonais xa cambiaron o panorama e están a permitir unha recuperación das cotizacións. É posible que en inverno, a falta de forraxe almacenado leve de novo a sacrificios maiores ós habituais.

En calquera caso, a maior oferta mundial e o aumento das importacións presionarán os prezos á baixa no 2019, segundo os pronósticos do informe europeo. Este ano, as importacións están aumentando a un ritmo do 6% e para o ano medrarán outro 2%, con Brasil e Arxentina como suministradores de referencia.

No lado contrario, as exportacións evolucionan á baixa, cunha alta competencia de Brasil, Estados Unidos e Nova Zelanda nos mercados de exportación europea, coma o Magreb, Turquía ou Israel.

O caso galego é singular no mercado da carne de vacún, pois boa parte da produción de vacún de carne estase orientando a selos de calidade, coma Ternera Gallega ou Vaca Galega / Boi Galego, con prezos e demandas diferenciadas no mercado.

Porcino, temor á peste porcina africana

O mercado do porcino medrou este ano en produción, exportacións, consumo e prezos, se ben para o 2019 espérase un axuste á baixa. A boa situación de mercado levou a que España incrementase este ano a súa cabaña en 57.000 animais, segundo os datos da Comisión Europea, aínda que no 2019 é esperable un axuste da produción pola presión de prezos á baixa e menores consumos que esperan os expertos.

Unha das cuestións que máis está a preocupar no sector porcino é a progresiva expansión a Europa occidental da peste porcina africana, unha enfermidade que afecta a porcos e tamén a xabaríns. O actual brote detectouse por primeira vez en Georgia no 2007 e xa chegou no último ano a granxas domésticas de Bélxica e da República Checa. En Rumanía afectou tamén a ganderías comerciais, ocasionando grandes perdas.

O protocolo europeo está a determinar zonas de comercio restrinxido, para evitar o movemento de carne ou animais infectados; se ben xa hai 13 países -incluíndo China e Xapón- que decidiron pola súa conta vetar as importacións de toda Bélxica, un escenario que preocupa entre os grandes exportadores, coma España.

España é o principal exportador na UE, cun 22% do total de vendas ó exterior, sendo China e Xapón os mercados de referencia de Europa, xa que acumulan case a metade das vendas totais.

Avicultura, ante un escenario de maiores importacións

O sector avícola presenta tamén un balance positivo no 2018, cun aumento do 2,2% da produción e con incrementos en exportacións (+2,5%) e consumo (+1,6%). O crecemento moderarase no 2019 en todos estes capítulos, se ben o principal factor a ter en conta para o ano é o aumento previsto das importacións, que subirán un 10%, fronte ó -3% que acumulan neste exercicio.

A Comisión Europea espera que Brasil, o principal suministrador da UE, se recupere dos problemas de sanidade animal que atravesou este ano, o que levará previsiblemente a un aumento dos seus envíos a Europa. Ante a baixada das vendas brasileiras, este ano Europa tirou máis das importacións de Tailandia, Chile e Ucrania.

No lado das vendas ó exterior, Ghana, Ucrania e Filipinas son mercados de referencia que están a medrar.

En prezos, o mercado avícola mantense nun bo momento, con medias por riba das dos últimos dous anos. A nivel de produción, cómpre destacar tamén a auxe da carne de pavo, que medrou un 26% en relación ó 2016.

Ovino e cabrún, estable con lixeiros crecementos

O sector do ovino e cabrún preséntase como un dos sectores cun escenario máis estable. Este 2018 está a rexistrar crecementos en produción, exportacións e consumo, un panorama que se espera repetir no 2019, cun +1% en produción, +2% en exportacións e +0,9% en consumo interno. As importacións tamén subirán un 2%, segundo o informe de perspectivas debuxado pola Comisión Europea.